RIBADEO
Porto comercial do Reino de Galicia
 
O Condado de Ribadeo foi históricamente enclave favorecido pola monarquía galega como principal porto comercial do noreste do Reino de Galicia



O Condado de Rivadeo

Enclave estratéxico e comercial do Reino de Galicia fundado por orde do Rei Afonso I no lugar de Vilavella en 742, o Rei Fernando II continuou reforzando esta praza convertíndoa en Vila e establecendo en Rivadeo de 1182 a 1233 a sede bretoñesa de Mondoñedo. Tras a Guerra de Sucesión entre Pedro I e Henrique de Trastamara no séc.XIV, o Condado de Rivadeo foille cedido polo Trastamara ao franco Pierre de Villaines, volvendo a se reintegrar na Provincia de Mondoñedo no séc.XVI. 

A súa progresiva preponderancia económica e comercial traduciuse nun incremento da sua poboación, que participou importantemente na colonización americana e na carreira das Indias. Rivadeo foi durante o séc.XVIII porta do Reino de Galicia no comercio coa Europa nórdica e con América, sendo sempre o seu porto de capital importancia por mor dos seus asteleiros, institucións administrativas e situación estratéxico-defensiva no Cántabrico. 
 

Turísticas terras de Ribadeo

Gozan de grande prestixio as praias da costa entre Ribadeo e Barreiros, como son As Illas, Esteiro e as galardonadas coa Bandeira Azul de Os Castros e de As Carricelas ou As Catedrais, de caprichosas e xigantescas formas modeladas polo mar. Conxunto de grande tradición mariñeira é a pequena e pintoresca aldea de Rinlo, unión do home e o mar, perto da avanzada cantábrica da Illa Pancha e do Faro. Vixiando Ribadeo, o Forte de San Damián, principal e estratéxica batería de defensa da ría do Eo, é actualmente sede dos eventos comerciais e culturais de Ribadeo. 

A ría do Eo, antigamente porto comercial e arteria de comunicación da comarca, é hoxe salvada pola Ponte dos Santos permitindo un rápido acceso a Castropol, Veigadeo e as Terras do Navia. O Cántabrico penetra en ría ata Abres e conta cunha reserva ecolóxica en Reme, observatorio privilexiado de milleiros de aves migratorias. 

No Monte de Santa Cruz encóntrase o Monumento ao Gaiteiro e a vella ermida, afamada estación xacobea desde a que se enxerga un claro panorama da ría do Eo. Hai outra excelente vista desde o Parque Etnográfico de O Cargadeiro, que lembra o antigo tren mineiro que desde Vilaoudriz carrexaba mineral ata o principal porto da comarca. 
 

Capital de lecer e de cultura

Celébranse en Ribadeo regulares acontecementos deportivos como a Subida ao Monte Mondigo en bicicleta de montaña, a Marcha Cicloturista Concello de Ribadeo e a Semana Náutica Ría de Ribadeo. No aeródromo de Ollo de Vilaframil celébrase a tradicional etapa da Volta Aérea a Galicia de Ultralixeiros, e o Clube Aéreo de Ribadeo organiza diversas actividades aeronáuticas. Practícase a equitación polo Camiño de Santiago Norte, deportes náuticos no Porto de Porcillán, pesca marítima no Cantábrico e fluvial nos ríos Eo e Grande. 

De grande tradicionalismo é a festa do Entroido, cos tradicionais Concurso Gastronómico de Filloas, Gran desfile de Carnaval e Queima do Antroido. Son moi populares os encontros relixiosos da Semana Santa, da romaría de As Cruces en Arante e das festas patronais da Virxe do Campo. Como cidade de gran cultura, Ribadeo celebra a súa histórica Feira do Libro Galego e o Día da Gaita Galega. Son tamén moi reputadas a Feira do Mel de Ribadeo e as celebracións do Día Nacional de Galicia, o 25 de Xullo. 
 

Ribadeo, capital das terras do Eo

O Condado de Ribadeo reflexa ben a súa historia nun carácter arquitectónico-monumental formado por enxebres rúas e prazas de casas antigas brasonadas. 

Praza do Campo, estampa simbólica de Ribadeo, con exemplos arquitectónicos de diferentes estilos e epocas. 

Torre dos Moreno, co seu característico tellado encarnado, deseñado en estilo modernista e construído por indianos a comezos de século. 

Pazo de Ibáñez, propiedade do primeiro Marqués de Sargadelos, construído en sobrio estilo neoclásico a fins do séc.XVIII, actualmente Casa do Concello. 

Rúa de San Roque, coas súas características casas de indianos. Angostas rúas descenden ata o porto, onde se encontra a Alfándega vella do séc.XVIII e a Escola de Náutica e Comercio. 

Convento de Santa Clara, conxunto orixinario do séc.XI aínda que o actual data dunha reconstrucción do séc.XIV. 

Igrexa de Santa María do Campo, reconstrucción do santuario do antigo convento franciscano do séc.XIII. Conserva restos do claustro, dúas portadas góticas e máis un retablo barroco no interior. 

Capela da Santísima Trinidade, o máis antigo santuario de Ribadeo, garda un interesante retablo barroco. Outra histórica capela é a da Virxe do Camiño, tamén feita en estilo románico. 
 

Para saber más sobre Ribadeo:
Concello de Ribadeo: praza de España, 1 / tel. 982 128 650

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com