CASTROPOL e FIGUEIRAS
Vilas nobre e mariñeira da ría do Eo
 
Cunha estratéxica localización natural entre a ría do Eo e o mar Cantábrico, as vilas de Castropol e Figueiras presumen de cadanseu caracter señorial e mariñeiro




Castropol, terra de cultura de Fermín Penzol

Castropol é unha señorial vila, centro tradicional de intercambios comerciais na ría do Eo e importante estación xacobea. O Hospital de peregrinos de Castropol, sobre o que se erixiu a igrexa parroquial, daba repouso aos peregrinos que entraban en Galicia por Navia ou por Allande, denantes de continuaren o Camiño a Compostela vía A Fonsagrada ou Mondoñedo

Estratéxica localización entre o espacio natural da ría do Eo e o mar Cantábrico, conxúganse en Castropol variadas actividades de lecer como a práctica da pesca, os deportes náuticos, ou os roteiros por paraxes naturais como a enseada de A Berbesa, desde a que se olla un fermoso solpor sobre Ribadeo

Na rachada rasa costeira, as formas erosionadas do litoral crean paraxes de grande beleza como a Punta da Cruz, perto das praias de Arnao e Penarronda. Na Punta do Corno áchase un castro con tres muros defensivos; outros castros interesantes son os de Lagar, Lantoira e o aterrazado de Vilavedelle. Centro xeográfico do Eo, Castropol esta rapidamente comunicado coas praias de Tapia, Ribadeo e Barreiros, así como coa beleza montesía de Os Oscos

Monumentos significativos das terras de Castropol son o enxebre Pazo de Santa Cruz do Marcenado, a barroca capela de Nosa Señora do Campo, a Villa Rosita e Casona de Valledor do séc.XVI, os modernistas Teatro-Casino e Parque de Loriente, e mais o Monumento ao Heroe Villaamil, mariño morto na Guerra de Cuba. 

De nai de Castropol e pai de Ponferrada é o egrexio intelectual Fermín Penzol, figura sobranceira do galeguismo e valedor da Fundación Penzol. A súa biblioteca conserva valiosos exemplares da cultura galega das Terras Navia-Eo, Bierzo, Portelas, Minho e Tras-os-Montes. 
 

Figueiras, vila mariñeira de Sancho Pardo

A vocacion mariñeira de Santiago de Figueiras maniféstase na súa historia como antigo centro industrial conserveiro e na súa actual e afamada industria artesanal de construcción naval. No seu enxebre porto pesqueiro pódese admirar o conxunto do que tamén forman parte a Cofradía de Pescadores e a Capela do Hospital, antigo repouso dos peregrinos a Santiago de Compostela. Próximo a Figueiras está vixiante nun outeiro a ermida de San Román, cunha popular romaría comparable á da Virxe do Carmen coa sua típica procesión marítima. 

As Torres de Donlebún foron lugar natal do Almirante Sancho Pardo, navigador e Gobernador de Cuba que mantivo á raia aos corsarios Drake e Hawkings no séc.XVI. Tamén coñecidas como Pazo dos Pardo, as Torres de Donlebún érguense sobre o porto amosando o seu conxunto orixinario dos séc.XVI-XIX. Declarado Monumento Histórico-Artístico, sobrancean a nobre torre central e as almenas, parte máis recente de influencia fancesa. 

Outros monumentos de Figueiras son o Pazo de Peñalba de 1912, obra dun discípulo de Gaudí e unha das escasas manifestacións do Art Nouveau en Galicia, e mais a antiga Escola de Orientación Marítima ou Torre do Reloxo, construída en 1927 e sede actual da Biblioteca Pública. 
 

Para saber máis sobre Castropol e Figueiras:
Travesías marítimas pola ría do Eo: tel. 910 526 901 /  985 636 150 
Concello de Castropol: praza do concello, 1

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com