VEIGADEO
Centro comercial da ría do Eo
 
As monumentais terras de A Veiga son centro comercial da ría do Eo e lar do insigne intelectual Armando Cotarelo, primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos


A Feira de Mostras de Veigadeo

Denominada Veiga de Ribadeo ata comezos do séc.XX, eran estas terras famosas polo curtido de peles, ferreiría, e mais pola sua industria de construcción de barcas. A ría do Eo constituía de Ribadeo ata Abres a secular e principal vía de comunicación da comarca, cunha dinámica actividade de constante tránsito de embarcacións comerciais, pesqueiras e de transporte. 

Como centro comercial da ría do Eo, Veigadeo acolle anualmente cada mes de xullo a Feira Internacional de Mostras, ponto capital de intercambio industrial, agrícola e artesanal. Unha das economías máis dinámicas do oriente galego, celébranse mercados regulares cada xoves e sábado, ofertando os mellores productos agropecuarios e artesanais. 

Gozan de grande popularidade as festas patronais da Asunción, en agosto, que contan coa renomada Noite Celta, animada polo grupo de gaitas Xente Nova. Terra de grande cultura, foi A Veiga lugar de nacemento en 1879 de Armando Cotarelo Valledor, inxel intelectual primeiro presidente do afamado e histórico Seminario de Estudos Galegos, e representante das Letras Galegas na Real Academia Española xunto co egrexio Vate Ramón Cabanillas
 

Veigadeo monumental

Vestixios dos primeiros Galaicos son os poboamentos do castro de Molexón en Meredo, Castromourán en Piantón, e mais o propio castro de A Veiga. Destas terras procede a albiona Estela Funeraria de Nicer, gardada no Museo Arqueológico de Oviedo, e a Diadema de Veigadeo, magnífica xoia celta do séc.V A.C. exhibida no Museo Arqueológico de Madrid. 

A parroquia de Piantón conserva o seu esplendor pasado como capital administrativa en monumentos como a barroca Casa de Rego e a igrexa de San Estebo, con 5 retablos barrocos, antiga propiedade da xacobea Encomenta de Portomarín dos Cabaleiros Hospitalarios. Son de piadosa popularidade as suas celebracións de Semana Santa

Outros exemplos arquitectónicos encóntranse nas rúas de Arriba e A Puntía na vila de Veigadeo, na Casona de Ferreira, do séc.XIX, no Pazo de Lastra en Vixande e no Pazo do Pividal e igrexa parroquial de Abres. Compre destacar igualmente a ponte de A Veiga e mais os hórreos e cabazos de Meredo, Paramios e Piantón. 

A ría do Eo ofrece roteiros ideais para descubrir as súas marismas declaradas Reserva Natural, para a práctica de deportes náuticos como a vela, ou para a caza e pesca no couto Ría do Eo. Centro de comunicacións da comarca do Eo, aprovéitanse os fáciles accesos para descubrir a maxia de Os Oscos, os coutos de Abres e Riotorto, ou as praias de Tapia e Ribadeo. 
 

Para saber máis sobre Veigadeo:
Concello de Veigadeo: praza do concello, 1

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com