Menhires

Pedrafita de Cristal

Esta pedrafita está situada no concello de Ribeira (A Coruña). Atópase nunha propiedade particular perto do dolmen de Axeitos, e constitúe unha das últimas aportacións ó megalitismo galego xa que foi descuberta na segunda metade da década dos noventa, soterrada uns dous metros de profundidade. Este megalito, de 2,50 m de altura presenta na súa superficie algunhas cazoletas e afortunadamente, en contra do que xeralmente acontece, tivo a sorte de ser levantada case que no seu emprazamento orixinal. Foi estudiada por Victoria Villoch.

Pedra Chantada

Menhir localizado en Vilalba (Lugo). De difícil atribución cronolóxica mide 2,15 m de altura e ten un perímetro medio de 2 m. Na súa superficie podemos ver un gran número de cazoletas, producidas quizáis por un proceso de meteorización.

Pedra Alta

É un menhir situado no centro do que era a lagoa de Antela. Foi empregado como marco divisorio dos municipios ourensáns de Sarreaus, Xunqueira de Ambía e Vilar de Barrio, e parece ser que acadaba orixinalmente unha altura de case 3 m. No ano 1975 foi derrubado por un tractor e levantado novamente en 1986; actualmente aparece colocado sobre un pedestal que nada lle favorece e fóra do seu contexto arqueolóxico. Con total seguridade non pertence cronolóxicamente ó período no que se encadra o megalitismo galego, nembargantes, consideramos oportuno incluílo nesta relación.

Lapa de Gargantáns

É a pedrafita máis coñecida de Galiza. Mide 1,90 m de altura e ten forma cónica con base cadrada. Na súa superficie aparecen unha vintena de cazoletas. Probablemente a levantaron na fase final do megalitismo galego. Permanceceu tirada no solo durante algúns anos e foi restaurada por arqueólogos do Museo de Pontevedra. Pertence ó concello de Moraña (Pontevedra).