Dólmenes

A Coruña · Lugo · Ourense · Pontevedra

A Coruña

Pedra Moura de Aldemunde

Pertence ó concello de Carballo (A Coruña). É unha anta de bo tamaño, que non ten mámoa, cunhas dimensións de 2,40 x 3,20 m. Os esteos foron removidos, xa que só un deles está no seu emprazamento orixinal e a tampa está apoiada en dous deles. O de maiores dimensións acada 2,30 m de altura.

Pedra da Arca

É un dos dólmenes máis importantes de Galiza e pertence ó concello de Malpica (A Coruña). Chama especialmente a atención o grosor da súa tampa, que aparece caída e inclinada sobre a cámara; no seu centro pode verse onde se lle colocou un barreno coa única intención de parti-la pedra. Unha vella lenda fai responsable da súa construcción a unha moura, que traía as pedras na súa cabeza ó tempo que fiaba nunha roca e daba de mamar a un neno.

Dombate

Este dolmen pertencente a Cabana de Bergantiños (A Coruña), é a máis coñecida das antas galegas, non só pola súa feitura e polos achados aparecidos durante a súa escavación, senón tamén por ter sido inmortalizado por Eduardo Pondal, unha das grandes figuras do Rexurdimento da lingua galega, que remata o seu poema cuns versos inesquecibles:

"Agora que pasano meus anos xogorales

agora que só vivo de tristes suidades,

que cumpro con traballo meu terrenal viaxe

e que a miña cabeza branquea a grave edade,

aínda recordo, aínda, o dolmen de Dombate"

Trátase dun perfecto exemplo de dolmen de corredor. A cámara poligonal, conserva a súa tampa e mide 4,20 por 2,90 m. Está formada por sete chantas, acadando a de cabeceira 3 m de ancho por 4,64 m de altura. O seu longo corredor, de tres tramos, ten unha lonxitude de 4,10 m cunha anchura crecente a medida que nos achegamos á cámara que varía dos 95 cm a 1,40 m. Ó mesmo tempo tamén se vai elevando en altura dende os 95 cm ata 1,50 m.

Foi escavado, con moito rigor, polo arqueólogo José María Bello, na actualidade director do Museo Arqueolóxico da Coruña, nos anos 1987 e 1989. Durante a súa cavaxe producíronse importantes achados, entre os que salientan:

A existencia dun dolmen anterior, de cámara simple, do que apareceu a súa pegada arqueolóxica, e que constitúe o primeiro caso coñecido en Galicia no que unha anta se levanta no lugar onde xa había outra.

A aparición de decoración pictórica nos esteos da cámara e do corredor.

A localización dunha fiada de ídolos, vinte en total, situados fronte ó corredor e no límite tumular.

Un notable enxoval lítico e cerámico.

O dolmen foi utilizado en diferentes épocas e os estudios realizados evidencian o seu uso dende o ano 3900 A.C. ata o 2.700 A.C., momento no que foi clausurado o megalito. Isto sábese porque era usual encender unha fogata cando se pechaba definitivamente unha anta, cousa que facilita a datación con Carbono 14.

O dolmen de Dombate pertence á Deputación da Coruña.

Pedra Vixía

Este monumento megalítico, pertencente ó municipio de Zas (A Coruña), está profundamente alterado xa que os nove esteos que o conforman foron desprazados da súa posición orixinal, parece ser que por un veciño que nos anos cincuenta levou tódalas pedras que puido para empregalas na cimentación da súa vivenda. Conserva ademáis dous anacos da tampa.

Arca da Piosa

Pertence tamén ó concello de Zas (A Coruña). Atópase no interior dunha grande explotación forestal de eucaliptos, na que a contínua apertura de pistas fai que ás veces se perdan as referencias para a súa localización. Conserva catro dos cinco esteos da súa cámara poligonal, e dous no corredor, que mide máis dun metro. Impresionan as dúas tampas, tanto a da cámara como a do corredor, polas súas dimensións, encontrándose a do corredor nun plano inferior á da cámara. A mámoa, de grande altura, é visible dende lonxe (sempre e cando os eucaliptos que a colonizan non teñan moita altura). O poeta Eduardo Pondal sitúa aí a tumba do mítico guerreiro celta Brandomil:

"Arca antiga da Piosa....

debaixo das túas antes

está o valente Brandomil"

Mina da Parxubeira

Localízase no concello de Mazaricos (A Coruña) e tamén é coñecida como dolmen de Corveira. Forma parte dunha necrópole integrada por catro túmulos. O monumento conserva as chantas do seu lado norte, restos dun curto corredor, entre eles a laxe de cobertura e parte da mámoa. Foi coidadosamente escavada por Antón Rodríguez Casal, profesor de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, entre 1977 e 1984, que obtivo excelentes resultados, ó descubrir no límite tumular, catro estelas antropomorfas e algúns betilos (pequenos cantos rodados interpretados como ídolos) e un enxoval moi valioso integrado por anacos de cerámica campaniforme, láminas de sílex, unha punta de frecha, unha aixola e unha gubia.

Casa dos Mouros

É un gran dolmen de corredor situado no límite dos concellos de Vimianzo e Dumbría (A Coruña), aínda que pensamos que pertence ó primeiro deles. A súa denominación induce a confusión, xa que en diversas publicacións e sinais aparece como Pedra da Arca e incluso como dolmen de Regoelle. Acada unha lonxitude total de 7,50 m dos cales 3,80 m pertencen á cámara e o resto ó corredor. Da súa cámara poligonal conserva seis esteos, faltando únicamente o da cabeceira, polo que a primeira vista parece que por este lado está a entrada. Nembargantes ten unido un corredor de dous tramos, parcialmente tapado pola mámoa, do que se conservan as dúas tampas, de grandes dimensións, ó igual que ocorre coa laxe de cobertura da cámara, probablemente a pedra de maior peso conservada nos megalitos galegos. Na segunda chanta da cámara, pola dereita, pódense aprecia-los restos dun gravado semellante ó que aparece en Dombate, así como liñas onduladas e dúas manchas de cor vermella. Unha boa posición para ve-la grandiosidade desta anta é colocarse diante do corredor, para observa-lo ben diferenciado que está en altura respecto á cámara megalítica.

Pedra Cuberta

Pertence ó concello de Vimianzo (A Coruña) e está perto do lugar de Arxomil. É un monumento dunha grande importancia histórica, xa que en 1934 o alemán Georg Leisner deu a coñecer un sorprendente achado: a decoración pictórica deste monumento funerario, un feito pouco documentado en Europa ata ese momento. Destas pinturas, das que a penas queda algún vestixio, falamos no apartado dedicado á pintura megalítica.

Na actualidade o que podemos ver é un dolmen de cámara poligonal e corredor, cunha lonxitude total de 6,60 m. Conserva únicamente a tampa no corredor e restos da mámoa. Está ameazado polas raíces dos grandes eucaliptos e piñeiros que o rodean.

Casota de Berdoias

A anta pertence ó concello de Vimianzo (A Coruña) e tamén é coñecida como Caseta dos Mouros ou dolmen de Freáns. Trátase do mellor exemplo que se conserva en Galiza de cista megalítica, tipoloxía que aparece na última etapa do megalitismo galego. Ten planta rectangular, cunha lonxitude de 2,70 m e está construída con granito dos arredores. Na superficie interior dos tres esteos que terman da fermosa tampa, son visibles unhas cazoletas e algúns gravados cruciformes, de incerta cronoloxía.

 

Pedra Moura de Monte Carneo

Este megalito pertence ó municipio de Vimianzo (A Coruña). A súa tipoloxía o inclúe nos dólmenes de planta poligonal e corredor curto. Acada unha lonxitude total de catro metros e foi removido, xa que só unha das tampas parece estar na súa posición orixinal.

Cabaleiros

Pertence ó concello de Tordoia (A Coruña). A cámara é poligonal, formada por seis esteos, que sosteñen unha tampa de 4,5 m de lonxitude. Nunca foi escavado, polo que se existe o corredor, este está oculto baixo a mámoa, que se conserva, parcialmente, rodeando o megalito. É propiedade da Deputación da Coruña. A nivel popular é coñecido como Casa da Moura, xa que unha lenda relaciona a súa construcción cun deses seres míticos, que trouxo a tampa na cabeza dende moi lonxe, mentras tecía un vestido coas mans..

Cova da Moura

Está no concello de Noia (A Coruña) e tamén é coñecido como dolmen de Argalo. Conserva restos da mámoa na súa parte posterior e a cámara, de planta poligonal, está formada por sete chantas. Mide 3,10 m por 2,90 m e a súa entrada está orientada, como a mayoría as veces, cara ó nacente. O maior dos esteos, situado na cabeceira do dolmen, ten unha altura de 2,40 m e un ancho de 1,75 m. Téñense datos das dimensións da tampa, irremediablemente perdida nos primeiros anos do século XX que mediría 3,40 m por 3,70 m sendo a súa forma case circular. O monumento foi violado repetidas veces na procura de tesouros e rigorosamente escavado por C. García Martínez en 1980, que puso ó descuberto un anel pétreo que rodeaba a mámoa. Foron encontrados un coitelo de sílex, varias puntas de frecha, dous machados, un ídolo e restos cerámicos.

Axeitos

Sen dúbida o máis estético dos dólmenes galegos. Atópase na parroquia de Oleiros do concello de Ribeira (A Coruña), e é propiedade da Deputación da Coruña. Coñecido popularmente como Pedra do Mouro, presenta un bo estado de conservación, cunha cámara de planta poligonal, formada por sete esteos, perfectamente imbricada, e unha tampa sostida en só tres puntos, de forma ovalada, máis estreita cara ó sur, cunhas dimensións de 4,50 m e un grosor máximo de 60 cm. A cámara mide 2,40 dende a entrada ata ó fondo e 3,30 m de lado a lado. Conserva dúas pedras do corredor, que está oientado cara ó leste.

Forno dos Mouros (Serra Faladoira)

Localízase no límite dos concellos de Ortigueira e Mañón, na provincia da Coruña. Foi estudiado no anos corenta polo arqueólogo Federico Maciñeira, autor dunha titánica obra que abrangue tamén outras zonas como a cubeta das Pontes e a Serra Capelada. Este dolmen, do que se conservan sete esteos na cámara e dous no corredor, está construído en cuarcita extraída dos arredores. Acada unhas dimensións de 3,20 por 3 m. Está situado a carón do Camiño Real que unía As Pontes co Porto de Bares e no que Maciñeira describíu 87 túmulos (o que nos ocupa é o número 32). Nos anos oitenta este Camiño foi percorrido novamente por especialistas tan consagrados como José María Bello, Felipe Criado e Vázquez Varela, autores de espléndidos traballos sobre diversos aspectos do Megalitismo galego, que viñeron a corrobora-lo xa exposto polo seu precursor.

Casota do Páramo

Localízase no concello de Boiro (A Coruña) nunha zona coñecida como Chans do Iroite, situada na parte central da península do Barbanza. É esta unha das áreas galegas cunha maior concentración da mámoas e son varios os estudiosos que publicaron traballos sobre ela, como Felipe Criado ou X. Agrafoxo.

É un dolmen de cámara poligonal con corredor, formado por sete esteos e a tampa, que está partida case pola súa metade. Mide 3,40 x 3,50 m. Do corredor só se conserva a tampa e unha chanta. A mámoa foi parcialmente destruída.

Arca do Barbanza

Pertence ó municipio de Boiro (A Coruña). Localízase tamén nos Chans do Iroite. E o dolmen de meirandes proporcións da península do Barbanza, cunha lonxitude total de 6.60 m, dos que 3 m corresponden ó corredor. A cámara poligonal conserva seis esteos, faltando o de cabeceira; a tampa está lixeiramente desprazada e ten un peso estimado dunhas sete toneladas. O corredor de dous tramos e forma triangular, conserva catro chantas e dúas laxes de cobertura. Na mámoa aprécianse restos da coiraza.

Casarota do Fusiño

É o terceiro dolmen en importancia dos conservados nos Chans do Iroite, no municipio de Boiro (A Coruña). Conserva sete esteos da cámara poligonal pero con tendencia circular. A tampa está apoiada no lugar onde arrinca o corredor, do que se poden distinguir dous ortostatos e a cuberta.

Pena do Raposo

Está situado na comarca coruñesa da Terra de Melide e é un dos expoñentes máis clásicos do megalitismo galego, xa que foi escavado nos anos vinte e citado por Otero Pedrayo na súa Historia de Galiza. Está formado por unha cámara poligonal (que debía medir orixinariamente 3,50 m por 2 m) e un corredor curto. Na actualidade está esnaquizado, carece de tampa e a mámoa é inapreciable por mor dos grandes piñeiros que rodean o dolmen. No traballo de Cuevillas e Bouza Brey "La civilización neo-eneolítica gallega", publicado en l931, reprodúcese unha fotografía que á vista dos restos actualmente conservados causa unha triste impresión polos danos causados dende entón.

Forno dos Mouros (A Moruxosa)

Importante dolmen pertencente ó concello de Toques (A Coruña). Foi escavado por Jacobo Vaquero entre l987 e l989, en tres campañas sucesivas, dentro dun proxecto máis amplo dirixido por Felipe Criado. Localízase a carón do Camiño Real que percorre a Serra do Bocelo. Ten cámara poligonal formada por sete esteos, que terman dunha tampa de tamaño medio. A súa estructura está reforzada por dúas grandes vigas de ferro. O corredor, de dous tramos, está parcialmente tapado por unha estructura de madeira. No seu interior apareceron restos de pintura vermella e negra, sobre unha base de cor branca, formando zigue-zagues.

Serramo

Localízase en Vimianzo (A Coruña). É coñecido polo nome de Pedra da Lebre. É un dolmen de planta poligonal formada por cinco esteos; a tampa apóiase nun deles. Ten un pequeno corredor. O máis salientable deste megalito son as grandes dimensións das pedras que o forman, e o seu grosor, que nalgúns casos acada os 70 cm.

Fornela dos Mouros

Localízase en Aplazadoiro, lugar do concello de Laxe (A Coruña). É un fermoso exemplar de cista megalítica, característica da fase final do Megalitismo galego. Tres esteos dispostos rectangularmente terman duna tampa de gran tamaño. Acada unha altura de l,35 m.

Pedra da Xesta

Pequena cista rectangular formada por seis chantas que mide 2 m de longo, 90 cm de ancho e 90 cm de alto. A mámoa, aínda que destruída, conserva restos da coiraza e do anel pétreo. Localízase nos Chans do Iroite, no concello de Boiro ( A Coruña).

Os Campiños

Necrópole integrada por seis túmulos, pertencente ó municipio coruñés de Rianxo (A Coruña). A mámoa número 6 conservaba un dolmen de sete ortostatos, dos que catro estaban na súa posición orixinal. Foi escavado en l984 por Fábregas e De la Fuente, responsables ademáis da súa restauración. Os esteos que non son orixinais están marcados cun punto branco. Na actualidade esmorece entre os toxos.

Aiazo

Dolmen de grandes dimensións situado no concello de Frades (A Coruña). Era coñecido co nome de Peneda de Guntín. A súa destrucción tivo lugar no ano l.995, por mor das obras de concentración parcelaria. Na actualidade, seis grandes ortostatos permanecen tirados á beira do camiño, sendo o máis grande de 4,65 m de altura.

A Cavada

Pequena cámara localizada nos Chans do Iroite, en Boiro (A Coruña), nunha zona de gran densidade megalítica. Está parcialmente oculta pola mámoa e conserva oito esteos que delimitan unha planta con tendencia circular.

Recesinde

Dolmen pouco visible e de notables dimensións, acubillado nunha mámoa de gran tamaño e parcialmente esnaquizado. Conserva seis esteos dunha cámara poligonal. Localízase na parroquia de Carantoña, do concello de Vimianzo (A Coruña).

Lugo

Roza das Modias

Forma parte dunha necrópole integrada por seis mámoas. O túmulo que nos ocupa ten 12 m de diámetro por l,50 m de altura. Oculta unha cámara poligonal, sen tampa, de oito esteos visiblemente vencidos cara ó interior.

Catro deles, o maior dos cales mide l,95 x 0,70 x 0,20 m ten gravados moi visibles que representan liñas onduladas paralelas entre sí no sentido de altura das chantas.

Localízase no monte de Galde, parroquia de San Xoán de Alba, do municipio lucense de Vilalba.

Santa Mariña

Excepcional necrópole formada por unhas trinta mámoas situada no monte do mesmo nome, no límite dos municipios do Incio e Sarria. Ó chegar á chaira, onde se atopan, pódese comprender perfectamente o significado dun campo tumular. Algunhas medoñas conservan restos da cámara megalítica, sendo a mellor delas un sepulcro de corredor de 5,60 m de lonxitude por 2,80 m de diámetro máximo na cámara; aínda que perdeu a tampa, conserva nove esteos. Foi escavada baixo a dirección do profesor Rodríguez Casal da Universidade de Santiago.

Mollafariña

Dolmen localizado no municipio de Xermade (Lugo) formado por dez esteos de cuarcita que definen unha cámara poligonal. Está en moi mal estado de conservación xa que foi removido por mor dos traballos agrícolas realizados no pasteiro onde asenta, responsables ademáis da destrucción da mámoa.

Chao de Mazós

Este megalito, pertencente ó concello de Begonte (Lugo), atópase rodeado pola súa mámoa. Conserva sete esteos de pequeno tamaño, sendo o maior deles o de cabeceira, que mide l,10 m de altura por 0,80 m de ancho.

Santo Tomé

Dolmen situado moi perto do recinto do curro do mesmo nome, onde se celebra unha tradicional rapa das bestas, no concello do Valadouro (Lugo). Atópase semienterrado na mámoa e está formado por oito esteos e a tampa. Ten unha altura de l,50 m.

Pedra da Arca (A Pontenova)

Pertence ó concello da Pontenova (Lugo). Só se conserva un ortostato que mide l,90 m de altura, 1,20 m de ancho e 12 cm de grosor.

Hospital

Dolmen situado no concello da Fonsagrada (Lugo) moi perto do que fora hospital de peregrinos de Montouto, de ahí o seu nome. Conserva catro esteos de grandes dimensións, medindo o máis grande 1,30 m de ancho por l,90 de altura e 40 cm de grosor. Carece de mámoa.

Abuime

Pertence ó concello de Saviñao (Lugo). O dolmen está formado por cinco esteos que forman unha cámara poligonal cunha altura que ronda os 2 cm. Téñense noticias de que nos primeiros ano do século XX a tampa foi extraída para facer con ela unha pía para cebar os porcos.

Moruxosa

Pequeno dolmen de fermosas proporcións localizado no municipio de Friol (Lugo). Está formado por seis esteos, dos que tres terman da tampa. A cámara megalítica, poligonal, mide 1,70 m por 1,50 m. Conserva restos da mámoa.

Bravos

Dolmen de pequeno tamaño parcialmente oculto pola mámoa que o acubilla. Consta de sete chantas que delimitan un espacio poligonal. Conserva restos do corredor. Pertence ó municipio de Outeiro de Rei (Lugo).

Capela dos Mouros

Localízase no concello de Vilalba (Lugo). Forma parte dun conxunto integrado por dúas mámoas. Foi estudiado nos anos cincuenta por Georg e Vera Leisner. Conserva catro grandes esteos na cámara e dous máis no corredor, que están partidos.

Ourense

Casiña da Moura

Trátase dun dolmen de corredor situado a carón do muro do encoro de Salas, no municipio ourensán de Muíños. A construcción da presa obrigou a que fose trasladado do seu emprazamento orixinal, polo que os dous esteos que conservaba do seu pequeno corredor están apoiados na parte interior da anta. Foi escavado en 1927 por López Cuevillas, e por Ferro Couselo en 1972. A cámara poligonal está composta por sete chantas, que terman dunha tampa de gran tamaño. Ten unhas dimensións de 2,85 por 2,60 m.

Casola do Foxo

Forma parte da necrópole de Maus de Salas, no municipio ourensán de Muíños. Localízase no lado sur do muro do encoro de Salas, moi perto da anta da Casiña da Moura que está na beira oposta. A diferencia de esta, non está moi claro que fose trasladada de lugar, xa que o resto da mámoa que se conserva parece orixinal. É un dolmen de cámara simple poligonal formada por sete esteos cunhas dimensións de 2,40 por 2,60 m e unha altura de 1,20 m. A tampa ten un grosor máximo de 60 cm e durante a escavación foron atopados diversos restos de cerámica campaniforme.

Outeiro de Caladre

Necrópole integrada por catorce túmulos que se localiza en Maus de Salas, no municipio de Muíños (Ourense). Foron escavados os sinalados coa denominación M-1 e M-5, por un equipo dirixido por José María Eguileta, profesor de Prehistoria da Universidade de Vigo, entre os anos 1990 e 1994.

- A mámoa M-1 contén unha cámara megalítica con corredor, non moi diferenciado, formada por nove esteos. Conserva ademáis unha lousa de cobertura no corredor. Proporcionou un enxoval con abundantes anacos de cerámica e varias puntas de frecha.

- A mámoa M-5 alberga unha cámara irregular, de tipo cista, formada por seis esteos. O enxoval funerario obtido estaba formado por restos cerámicos en aceptable estado, que permitiron a reconstrucción dalgún recipiente, puntas de frecha e microlitos.

Casa da Moura

É un dos dólmenes máis espectaculares de Galiza, polas súas dimensións e estado de conservación. Ten unha cámara poligonal formada por seis esteos, dos que un está desprazado, que sosteñen unha tampa de gran tamaño. O corredor, dun só tramo, conserva a súa cuberta e aparece claramente diferenciado en alzado, situándose como corresponde, nun plano inferior á cámara. A anta ten unha lonxitude total de 4 m e unha altura que supera os 2 m. Está situado en Queguas, lugar pertencente ó municipio ourensán de Entrimo.

San Cibrao

Necrópole pertencente ó concello da Bola (Ourense), parroquia de Pardavedra, na que resalta a existencia de dúas cámaras megalíticas en aceptable estado de conservación.

-A sinalada co nº 1 agocha unha cámara megalítica case circular formada por oito esteos, cunhas medidas de 2,10 por 2,40 m. Conserva un corredor dun tramo que mide 1,40 m.

-A sinalada co nº 2 conserva parte da mámoa que contén unha cámara poligonal formada por oito chantas, cunhas dimensións de 2 por 2,50 m.

Mota Grande

Túmulo de grandes dimensións localizado en Verea (Ourense) que oculta unha cámara megalítica formada por cinco esteos fortemente inclinados cara ó interior, debido á violación clandestina que padeceu nos anos oitenta. Foi escavado en 1990 e 1994 o que permitiu descubrir restos de pintura en dous dos seus ortostatos e un gravado moi orixinal nun deles. Forma parte dunha gran necrópole na serra de Leboreiro, integrada por 130 mámoas (30 delas en España e as restantes en Portugal) e actualmente permanece tapado xa que as administracións de ámbolos dous países no se puxeron de acordo sobre un proxecto de escavación conxunta. A fotografía que aparece na galería de fotos de Ourense foi obtida da páxina web: www.leboreiro.com.

Pontevedra

Mámoa do Rei (Vilaboa)

Pertence ó concello de Vilaboa (Pontevedra). O dolmen está esnaquizado, acochado nunha mámoa de 3 m de altura, e cunhas dimensións de 30 por 20 m. Conserva in situ, catro esteos do corredor, un no lado norte e tres no sur. Nun destes últimos, o que daba acceso á cámara, obsérvanse varias liñas de gravados en zigue-zague, debaixo dun signo cruciforme. É posible que o monumento tivese unha cámara poligonal, pero está completamente caída. As tampas faltan totalmente agás unha delas, colocada enriba do túmulo no seu lado norte. Os ortostatos que aínda quedan en pé, están imbricados e vencidos cara ó interior.

Chan de Castiñeiras

Pertence ó municipio de Marín (Pontevedra). Está situado cerca da Mámoa do Rei de Vilaboa. A cámara megalítica, moi alterada, está formada por dez esteos, dos que dous presentan unha profusa decoración a base de liñas horizontais gravadas na súa superficie. Unha estrada aberta ó seu carón destruíu boa parte da mámoa.

Chan da Armada

   Pertence ó concello de Marín (Pontevedra) aínda que está no límite co de Vilaboa. Conserva unha cámara poligonal cun corredor incipiente que se estreita progresivamente ata acadar os 50 cm de anchura na entrada. Entre os esteos da cámara poden verse unhas cuñas de pedra que evitan o aumento da presión dos soportes cara a dentro. Actualmente ten unha tampa da que non pode deducirse se é a orixinal ou si se trata dun engadido de semellantes características.

Chan de Arquiña

Localízase no concello de Moaña (Pontevedra). O dolmen, de cámara poligonal e corredor orientado ó leste, conserva parte da mámoa. Foi escavado baixo a dirección de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza que o restaurou en 1953 para poder amosárllelo ós participantes no III Congreso Arqueolóxico Nacional. Ten once esteos na cámara e cinco no corredor e a tampa está partida, con sinais inequívocas dun intento claro de destrucción. O monumento ten unha lonxitude total de 5,30 m, unha anchura de 3,45 m e unha altura de 2,20 m.

Meixoeiro

Pertence ó concello de Mos (Pontevedra). Aparece tamén con outras denominacións como dolmen de San Cosme ou das Minas; incluso no inventario publicado por Filgueira Valverde e García Alén no ano 1977 se lle considera desaparecido. Na actualidade, localízase nos terreos do Círculo Mercantil de Vigo, o que indica que foi trasladado dende o seu emprazamento orixinal. É unha anta de corredor curto orientado cara ó leste que conserva sete esteos na cámara e unha gran lousa de cobertura. O seu estado de conservación é moi bo.

Casa dos Mouros

Coñecido tamén co nome de dolmen de Candeán pois pertence a esta parroquia do concello de Vigo. É unha construcción de planta poligonal formada por cinco esteos e ten a tampa apoiada nun deles. As dimensións da cámara son 3 por 2 m cunha altura que ronda os dous metros. Dende lonxe pódese apreciar parte da mámoa..

Mámoa do Rei

Pertence ó concello de Redondela (Pontevedra). Coñécese tamén polo nome de dolmen de Trasmañó por atoparse nesta parroquia. Forma parte da necrópole de Monte Penide, integrada por 39 mámoas, coñecidos na zona como Cortellos dos Mouros. A cámara megalítica, de planta poligonal, orientada cara ó nacente conserva seis esteos, dos que o de cabeceira está tirado no seu centro. A mámoa, de terra, ten un diámetro de 15 m e unha altura duns 2,5 m.

A Madroa

Os dous túmulos agrupados baixo esta denominación pertencen ó concello de Vigo, estando situados moi perto o un do outro.

    - O sinalado co nº 1 foi escavado ás agachadas por persoas que demostran pouco respecto pola historia dos seus devanceiros, o que fixo que quedara á vista unha cámara poligonal formada por cinco ortostatos. Cara ó leste aprécianse dúas pedras que parecen formar un pequeño corredor.

    - O sinalado co nº 2 foi tamén violado furtivamente. Oculta unha cámara poligonal formada por sete chantos de pequeno tamaño. Conseva a tampa do corredor, sostida por dous esteos.

Costa da Freiría

Pertence ó municipio de Vigo. A cámara megalítica, de planta poligonal, está semienterrada na mámoa que arrodea. Consta de oito chantas e conserva restos do corredor, orientado cara ó sudeste. Foi escavada nos anos trinta.

Marco do Camballón

Esta necrópole localízase en Oirós, parroquia do concello pontevedrés de Vila de Cruces. Das quince mámoas localizadas, o megalito máis interesante é o catalogado co nº 5, do que amosamos a súa imaxe. Trátase dun dolmen de cámara simple poligonal que aparece na fase inicial do Megalitismo de Galiza. Nun dos esteos apareceron diversos gravados serpentiformes e un motivo solar. Durante a escavación apareceron restos cerámicos lisos e campaniformes e un disco perforado.

Mámoa da Cruz

Localízase na parroquia de Parada de Alperiz (Lalín). Forma parte dunha necrópole integrada por seis mámoas. Pouco conservamos deste megalito, xa que só un dos esteos ten unha altura apreciable por atopárense os demáis partidos. O motivo polo que se cita nos traballos sobre o megalitismo galego son os gravados, todavía visibles, de motivos serpentiformes.

Casiña da Moura

Pertence ó concello de Meis (Pontevedra). Forma parte do conxunto megalítico coñecido como Fonte de Lagarto. Consérvanse seis esteos da cámara poligonal e un máis no corredor, que está orientado ó leste. As chantas foron extraídas de canteiras próximas ó seu emprazamento. O seu estado de conservación é deficiente.

Couto dos Mouros

Localízase en Alemparte, concello de Rodeiro (Pontevedra). Ë un dolmen de grande espectacularidade, todavía sen escavar, en parte oculto pola mámoa. Entrando no seu interior obsérvase que a cámara poligonal está formada por oito esteos, dos que un aparece caído e outro, o de cabeceira, fortemente inclinado cara a dentro. Nesta última chanta son visibles restos pictóricos en vermello, formando zigue-zagues. Conserva un corredor dun tramo con dúas tampas de grandes dimensións. A lousa de cobertura do dolmen está inclinada sobre a cámara. Chama a atención o gran número de pequenas pedras que afianzan cada un dos ortostatos. Agradecemos ó arqueólogo José María Bello os datos aportados para a súa localización.