Tipología

 

Fig. 1. Marco do Camballón

Dolmen Simple

Fig. 2. Dombate

Dolmen de Corredor

 

Fig. 3. Fornela dos Mouros

Cista

         Os monumentos megalíticos galegos son de tres tipos: dólmenes, pedrafitas e círculos líticos.

Dólmenes

    Son os máis numerosos e importantes e teñen un carácter funerario, pois son lugares de enterramento colectivo, aínda que a acidez do solo galego impide que chegaran ata nós restos óseos. Cumpren ademáis outras funcións non menos trascendentes, como marcadores dun territorio determinado que singulariza á comunidade que os levantou, polo que en moitas ocasións se sitúan en lugares elevados ou perto de correntes de auga.

    Como nota a destacar nas construccións existentes en Galiza, hai que sinalar a ausencia de galerías cubertas, tan características de Cataluña ou dalgúns lugares de Andalucía, onde non se aprecia unha nidia diferenciación entre a cámara e o corredor.

    Seguidamente, e de forma sinxela, efectuaremos unha clasificación das antas galegas, aínda que corresponde ós arqueólogos facer unha sistematización máis complexa xa que se teñen descrito tipos de enterramento nos que os cadáveres son depositados directamente sobre o solo, sen ningunha cobertura enrriba ou tapados por unha única pedra sobre a que se levanta a mámoa.

    Os dólmenes galegos presentan entre sí varias diferencias:

Dólmenes Simples

    Nas escavacións desta clase de megalitos apareceron enxovais nos que predominan as puntas de frecha, as follas de sílex, os microlitos, as doas de colar de variscita e algún pequeño resto cerámico. Xurden arredor do ano 4.000 A.C.

Dólmenes de corredor

    Aparecen nunha segunda etapa que vai dende o 3.500 ó 2.700 A.C. Son as formas máis fermosas do megalitismo de Galiza. Xeralmente teñen planta poligonal aínda que nalgúns casos teñen tendencia circular. Consérvanse magníficos exemplos como o de Dombate (figura 2).

    O corredor de acceso está en moitos casos cuberto e nidiamente diferenciado en alzado respecto da cámara megalítica, como sucede na Casa da Moura en Queguas (Ourense) ou na Casa dos Mouros en Vimianzo (A Coruña).

    Os enxovais son semellantes ós atopados nos dólmenes da fase anterior, se ben os úteis de pedra pulimentada evolucionan cara a formas máis complexas e son máis abundantes os restos de cerámica.

Cistas Megalíticas

    Representan o período máis tardío, a fase final do megalitismo galego que vai dos 2700 ó 2000 A.C. Adoitan ser de planta rectangular e ter só unha tampa.

   Son fermosos exemplos desta clase de monumentos a Casota de Berdoias, en Vimianzo (Acoruña) ou a Fornela dos Mouros, en Laxe (A Coruña), da que pode ver a súa planta na figura 3.

Pedrafitas

   Son pedras fincadas de difícil atribución cronolóxica, cunha función ritual que é descoñecida. Ata o momento só dúas parecen ser auténticas: a Lapa de Gargantáns, en Moraña (Pontevedra) e a Pedrafita de Cristal, en Ribeira (A Coruña).

   Para establecer a súa antigüidade o mellor é comprobar se están en relación con dólmenes, xa que en moitas ocasións non pasan de ser meras pedras destinadas a marcar lindes ou encrucilladas, se ben poideron ser levantadas en épocas moi antigas.

Círculos Líticos

   A súa presencia en Galicia é practicamente inexistente. O arqueólogo Federico Maciñeira deu a coñecer en 1894 dous círculos líticos que existían na Mourela, nas Pontes (A Coruña), destruídos uns anos máis tarde co fin de aproveitar as súas pedras para facer o firme dunha estrada próxima. O maior deles (ver debuxo) tiña un diámetro de 20,5 m e estaba formado por pequenas pedras cunha altura que ía dos 30 ós 60 cm. A súa porta de acceso, orientada cara ó sueste, estaba flanqueada por dous bloques de cuarzo, de case un metro de altura.

   Actualmente só se considera un auténtico círculo lítico, o do Freixo, nas Pontes (A Coruña), xa que a maioría dos investigadores consideran que o circo de Prao das Chantas no Valadouro (Lugo) é unha realización máis recente.


Círculo Lítico de A Mourela (Desaparecido).

    Os modernos métodos de datación como o Carbono 14, a Dendrocronoloxía ou a Termoluminiscencia permitiron que cronolóxicamente podamos situar o fenómeno megalítico galego entre os 4200-2000 A.C., polo tanto nunha etapa que comprende dende o Neolítico ata o Calcolítico final.

    A análise do paleosolo que se pode estudiar durante unha escavación permite o coñecemento de diversos aspectos da vexetación da época na que foron construidos os megalitos.