TARAMUNDI
Terra de tradición artesana
 
O secular oficio tradicional da ferreiría herdado durante longas xeracións e mais a vida rural das montesas terras de Taramundi confírenlle a esta comarca un especial caracter artesán



Taramundi, terra de Cultura

Dominado polas altitudes do Ouroso nos Oscos e cortado polos profundos vales do río Ouria cara A Pontenova, Taramundi é un paradiso ecolóxico ideal para longos roteiros a través da súa cultura tradicional e da súa natureza. Ben sexa pola ruta pintoresca e artesana entre Lourido e Piñeiro ou pola Fervenza da Salgueira no río Turia, ou simplemente polas vistas da ría do Eo desde a Serra de Eiroá, Taramundi merece ser visitado pola sua óptima oferta natural e cultural. 

Do seu legado arquitectónico e cultural hai que destacar as igrexas de Nosa Señora do Carmen en Ouria e San Martín en Taramundi, co seu retablo obra de Fernández da Veiga, discípulo do grande mestre galego Gregorio Fernández. Son moi enxebres os hórreos e cabazos de Bres e os de Taramundi, encontrándose tamén na vila a Casa Rectoral do séc.XVIII e o Monumento a Manuel Lombardero. 

Taramundi contribuiu grandemente a cultivar as Letras Galegas ofrecendo xenerosamente intelectuais e poetas como Conrado Vilar Loza e Antolín Santos, gañador do premio á mellor obra en galego na Festa da Poesía Galega no San Froilán de Lugo en 1925. 
 

O Conxunto Etnográfico de Teixois

Teixois é un vello casal ferreiro restaurado para amosar a vida e economía da Galicia interior nos séc.XVIII e XIX. Cun importante conxunto hidráulico formado por mazo, muiño, batán, roda de afiar e incluso unha pequena central eléctrica, en Teixois traballábanse as ferramentas vendidas nas feiras galegas: tixolas, cazos, cubos, braseiros... 

A forza da auga é o motor natural do Mazo de Teixois, pesado e xigante martelo de madeira que golpea repetidamente a superficie na que se traballa o ferro. Outro dos contados Mazos aínda en uso nestas terras ferreiras e o de Aguillón, namentres que en Caleiro, na parroquia de Ouria, consérvase un forno de cal. Remontando o río Brañaeiro desde Bres descúbrense agochados na fraga restos de vellos muiños de auga ata albiscar a altitude do Pico de Ouroso, de 1039m, unha das maiores altitudes da comarca, cun excelente panorama e con salvaxes reses de gando. 
 

Esquíos, terra de ferreiros

Esquíos é unha das seculares aldeas ferreiras de Taramundi que pervive con forza e orgullo a tradición herdada dos devanceiros. O Museo do ferreiro Manuel Lombardía exhibe numerosas pezas pertencentes ao seu pai, avó e bisavó, mostra das ferramentas e útiles da vivenda tradicional galega. 

Nun emotivo conxunto formado pola típica casa, cabanón, cabazos e obradoiro, é posible presenciar o laborioso proceso de fabricación das reputadas navallas de Taramundi. Outras industrias artesanas destas terras son os teares encontrados no río Cabreira desde Aguillón ata Bres, así como o delicioso queixo de vaca de Carballo. 
 

Para saber máis sobre Taramundi:
Conxunto Etográfico de Teixois: Teixois / Tel. 985 979 684 
Concello de Taramundi: Estrada xeral / Tel. 985 646 701

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com