MANIFESTO DE GRANDAS DE SALIME, 1990
nas I Xornadas da Lingua e da Cultura Galega de Asturias
 
I.  Os 18 Concellos da Terra Navia-Eo comparten lingua e identidade cultural coa Galicia administrativa. 

II.  Reclamamos del Goberno del Principado de Asturias, a inmediata posta en marcha dunha campaña de sensibilización e dignificación del uso da lingua galega nos concellos del occidente, semellante ás que se tein feito prá dignificación del uso da lingua asturiana. 

III.  Igualmente reclamamos das autoridades del Principado que teñan presente a realidade sociolingüística del extremo occidental á hora de programaren publicaciois, dotaciois bibliotecarias, actividades culturales en xeral e axudas á investigación a persoas ou colectivos, con vistas á plena normalización da lingua galega nos concellos da zona.

IV.  Reclamamos del MEC a inmediata dotación de profesorado para introducir, a partir del curso 1991-1992, a lingua galega nos diferentes niveles educativos nos centros da zona. 

V.  Igualmente reclamamos del MEC que nos deseños curriculares del ensino non universitario se teña presente a realidade lingüística, sociocultural e xeográfica dos concellos máis occidentales de Asturias. 

VI.  Reclamamos dos poderes públicos a adopción de medidas técnicas que garantan a plena cobertura da RTVG e da RTVE-G, con cadansúa corresponsalía na comarca. 

VII.  Reclamamos dos organismos dependentes da administración central del Estado e da administración del Principado a fixación e a plena restauración da toponimia da comarca na súa forma tradicional. 

VIII.  Xa que a lingua del estremo occidental de Asturias é un patrimonio común a tódolos galego falantes, instamos á Real Academia Galega, al Instituto da Lingua Galega e a outras instituciois e colectivos que se ocupan de codificaren el galego, que teñan en conta os trazos idiomáticos destas falas, especialmente léxicos, porque, debido al seu xeral conservadurismo lingüístico, manteinse nestes concellos formas autenticamente galegas, mesmo ás veces inexistentes no chamado "galego del interior". 

IX.  Reclamamos da Xunta de Galicia e da Xunta del Principado que favorezan toda clase de intercambio cultural (exposiciois, representaciois teatrales, grupos musicales, etc.) entre as comarcas del occidente de Asturias e de Galicia. 
 
 

MANIFESTO DAS COMUNIDADES DE LINGUA E CULTURA GALEGAS DA TERRA NAVIA-EO, O BIERZO e AS PORTELAS, 1989

I.  As comarcas máis occidentais de Asturias, León e Zamora posúen non só unha lingua común á de Galicia administrativa, senón tamén un patrimonio cultural común, como se pode apreciar -entre outros aspectos- na antropoloxía, na arqueoloxía e no dereito consuetudinario. A todos compete que esta identidade cultural sexa respetada e preservada. 

II.  Esiximos da Xunta de Galicia a estricta e inmediata efectividade das previsións do art.21.2 da Lei de Normalización Lingüística, relativo á protección da lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma, na actualidade totalmente indefensos e sometidos ó perigo de transculturización. 

III.  Esiximos das autoridades das Comunidades Autónomas de Asturias e Castela-León o pleno respeto da identidade lingüística e cultural das comarcas occidentais de fala e idiosincrasia galegas, á vez que demandamos que se tomen as medidas necesarias que garantan o exercicio dos dereitos emanados dese patrimonio lingüístico e cultural. 

IV.  Reclamamos que nas convocatorias dos organismos da Xunta de Galicia, en especial das Consellerías de Educación e de Cultura (concursos escolares, prensa escolar, proxectos de investigación...) se declare expresamente que poden acollerse ás mesmas os centros de ensino, os colectivos socioculturais e as persoas das citadas zonas. 

V.  Reivindicamos que no distrito universitario único de Galicia teñan idénticos dereitos de acceso os estudiantes que proceden dos concellos de lingua e cultura galegas do occidente de Asturias, León e Zamora que os procedentes da Galicia administrativa. O mesmo demandamos para o ensino básico e non universitario. 

VI.  Reclamamos da Xunta de Galicia que reforme os programas de ensino básico e medio para incluír neles a realidade xeográfica, lingüística e socio-cultural das citadas zonas da Galicia non administrativa. 

VII.  Reclamamos dos poderes públicos a adopción das medidas necesarias que garantan a plena cobertura da RTVG e da RTVE-G en toda a franxa estremeira con Galicia. Igualmente pedimos que ámbolos Entes Públicos de radiotelevisión establezan unha rede de corresponsalías en todas estas comarcas. 

VIII.  Esiximos das diferentes administracións públicas o total respeto pola auténtica toponimia galega destas zonas. 

IX.  Finalmente, queremos deixar claro que a normalización lingüística do occidente de Asturias, León e Zamora ten que vehiculizarse no actual galego común, sen prexuízo de que nunha primeira fase, especialmente no ensino, poida aplicarse unha subnorma lingüística que acolla algunhas peculiaridades propias, inexistentes no galego común.

 
lugares
natureza
contos
lecer
economía
pousada
tenda
 britonia@pangalaica.com