A lenda da orixe da nobre linaxe bretoñesa dos Mariños
forma parte do conxunto de tradicións populares celtas comúns
de Bretaña, Cornualla, Gales, Galicia e Irlanda
O Conde Froilán era un nobre das terras britonienses, sabio,
xusto e ben aprezado polos seus vasalos. Froilán, que nunca desposara
muller algunha, gostaba da caza, de pasear a cabalo polas súas terras
e de falar coas súas xentes.
Nun dos seus paseos a cabalo viu desde o alto dun cantil a unha muller
semiespida deitada na praia. Curioso, achegouse amodo a ela, decatándose
perplexo que a durmida muller tiña corpo de peixe: "Unha serea!".
A serea quixo escapar, mais Froilán montouna no cabalo e levouna
ao seu castelo. Todos os seus servos e vasalos quedaron abraiados pola
extraordinaria fermosura da muller-peixe, que recibiu o nome de Mariña
por proceder ela do mar.
Froilán e Mariña namoráronse rapidamente, e estaban
todo o tempo xuntos ollándose e montando a cabalo polas terras do
nobre. Aínda que Froilán intentaba aprendela a falar, se
cadra era a súa condición de muller-peixe o que lle impedía
pronunciar palabras, mais só emitir ruidiños pouco comprensibles.
Aínda así, o cariño dos namorados era tal que decidiron
casar, tendo un desexado primeiro fillo froito do seu amor ao pouco de
se axuntaren. E pasaba o tempo e Mariña seguía sen poder
falar, o que lle causaba grande mágoa por non lle poder expresar
a Froilán e ao pequeno filliño o seu inmenso amor e felicidade.
Na noite de San Xoán, o nobre matrimonio estaba disfrutando da
noite meiga cos seus vasalos, comendo, cantando e bailando diante dos lumes.
Sabendo do medo de Mariña cara as faíscas, Froilán
arrebatou o fillo dos brazos de Mariña e saíu decidido correndo
coa crianza cara a grande lumeirada, dando a impresión que, quizáis
víctima dun meigallo, ían entrar na fogueira.
Mariña, horrificada de perder aos seus amores no lume, berrou:
- "Froilán!!.. Fillo!!.."
Así, por mor do susto, Mariña poido pronunciar as súas
primeiras palabras e aprendeu a falar, o que causou unha grande celebración
no castelo e a maior lediza da vida do nobre Froilán, que viviu
feliz para sempre con Mariña.
Varios anos despois, descendentes de Foilán e Mariña,
acadaron celebridade no Reino de Galicia dous dos Mariños que, adicados
á poesia, compuxeron varias das máis fermosas composicións
líricas dos cancioneiros galegos medievais. Nobre linaxe do Reino,
con brasón de prata representando unha serea e tres ondas azuis,
varios Mariños participarían nas guerras contra os árabes,
asentándose nos novos territorios do sur e contribuíndo á
riqueza do futuro Reino de Portugal. |